venres, 7 de xaneiro de 2022

Ghost

Con só 32 anos de demora vin esta película. Tiña pinta de moi melosa, como efectivamente é, pero no día de Reis decidín baixar as defensas. Interesante delirio o dos hispanofalantes ao traducir o título da película orixinal nos seus países. Todos mantiveron o orixinal en inglés, pero decidiron acompañalo dalgunha frase "explicativa" en castelán. En España foi "alén do amor", en Paraguai "a pantasma do amor" e no resto de Hispanoamérica "a sombra do amor".

Foi dirixida en 1990 por Jerry Zucker. Esta foi a primeira dirixida en solitario, antes diso formara parte do trío ZAZ que fixo películas como "Aterra como poidas" ou "Top secret". Os papeis principais son de Patrick Swayze e Demi Moore, obviamente. E nos secundarios destaca Whoopi Goldberg (levou o Óscar por este papel), Tony Goldwyn, Rick Aviles e Vincent Schiavelli.

Seguro que xa coñecedes a historia. Sam e Molly están moi namorados, acaban de mudarse a un novo piso, incluso están pensando en casar. Ela é artista dedicada á cerámica e el é banqueiro. Pero unha noite, ao saír do teatro, son atracados, e el morre dun disparo aparentemente fortuito.

Nese momento comeza a parte máis interesante da película, porque a pantasma de Sam, como se deixara algo sen facer na Terra, non marcha, e segue en torno á vida de Molly, para intentar axudala e consolala, pero obviamente, sen poder contactar con ela de ningún xeito. Entón Sam comeza a ver cousas estrañas que lle sorprenden, como que o atracador que o matou entra na casa de Molly usando unha chave, e parece estar buscando algo. Consegue que marche da casa, e ségueo, e ao chegar ao seu apartamento, escoita como fai unha chamada na que lle di a alguén que non puido revisar a casa ese día por un accidente, pero que xa volverá. Aí Sam descubre que non foi un asasinato fortuito derivado do atraco, senón que estaba premeditado por alguén que aínda non sabe quen é. A historia pasa a ser un thriller, xa non é só unha historia de pantasmas.

Desesperado, Sam atopa pola rúa, de casualidade, un consultorio dunha vidente, que di chamarse Oda Mae. Vai alí intentando ver como funciona o tema, para intentar contactar dalgún xeito co mundo dos vivos. Comproba que a vidente é unha auténtica farsa, pero para a súa sorpresa, ela e só ela é capaz de escoitar todo o que el di. Non pode velo pero si escoitalo. Entón decide utilizala como a súa voceira e van a casa de Molly para que el poida dicirlle todo o que sabe do seu asasino, porque agora xa sabe como se chama e onde vive.

Molly vai á policía con toda esta información pero non resulta demasiado crible. Os poucos que lle intentan axudar na policía non atopan nada na ficha policial do presunto asasino, pero moitas cousas na ficha policial da presunta vidente.

Sam descubre que a persoa que contratou ao atracador foi o seu colega de traballo Carl, que ademais era o seu mellor amigo. E descubre que fixo todo iso para roubarlle a axenda onde tiña o contrasinal do ordenador de Sam, e poder facer unha transferencia fraudulenta. Sam descubre os números de conta e nomes cos que está intentando blanquear os cartos, e utiliza a Oda Mae de novo para roubarlle os cartos a Sam.

Finalmente, Carl intenta atacar a Molly e Oda Mae na casa de Molly, pero conseguen escapar, en parte coa axuda de Sam, que xa fora instruído por outra pantasma sobre como mover cousas no mundo real. O atracador e Carl morren no intento, e son levados por unhas sombras negras, que parecen encargarse das persoas malvadas. Nese momento, Sam é requerido para marchar definitivamente, e durante uns segundos, pode ser visto por Molly e despídense cun bico.

Interesante historia, que tamén levou o Óscar, e que por sorte resultou algo menos romántica do que podería parecer ao meterlle a historia de intriga, que a min me atraíu máis.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...