venres, 31 de decembro de 2021

A propósito de Henry

Por algunha estraña razón, tiña ganas de ver esta película dende hai tempo, pero nunca o conseguía. Pero esta vez xa foi. Como anécdota, dicir que a tradución ao castelán do título é moi fiel, a non ser en Hispanoamérica, onde algún iluminado decidi que quedaba mellor "a forza da verdade". Patético, porque ademais nunha película coma esta, non ten demasiado sentido, parece que pretende ser un título pretencioso que non significa nada neste caso.

Foi dirixida en 1991 por Mike Nichols. Os papeis principais están protagonizados por Harrison Ford (obviamente, a película trata sobre o que lle pasa ao seu personaxe), Annete Bening, Bill Nunn, Rebecca Miller e Bruce Altman. Tamén chama a atención unha brevísima aparición de J.J. Abrams, posteriormente recoñecido director.

A historia é ben simple. Henry Turner é un exitoso avogado sen escrúpulos que traballa nun bufete defendendo a grandes empresas e desplumando a pobres cidadáns. Ten muller e unha filla pequena, viven nun impresionante piso en Nova Iork, pero non teñen apenas vida familiar, porque el é un executivo agresivo e ten cousas mellores ás que dedicarse. Unha noite decátase de que quedou sen tabaco, e baixa a unha tendiña do barrio para mercar, pero ten a mala sorte de chegar cando está tendo lugar un atraco. O atracador, sen moito aviso nin protocolo, pégalle dous disparos, un entre o corazón e o ombreiro, e outro enriba da cella dereita.

O primeira case o mata, pero non é así. O segundo, debido a que o calibre é moi pequeno, tampouco o fai, pero prodúcelle unha amnesia retrógrada. Salva a vida, pero ten que comezar practicamente de cero. Ten que aprender a andar de novo, a falar, a ler, e todo o demais. Lévalle meses e no hospital é especialmente útil nese propósito Bradley, o seu terapeuta, que aínda lle fará algunha visita importante cando xa está na casa.

Vai recompoñendo a súa vida familiar, intentando lembrar como era todo, aínda que só lembra pequenos detalles. E tamén se incorpora ao bufete, pero obviamente xa non ten o papel estelar que tiña antes. Déixanlle que consulte os seus vellos casos, para ver se vai lembrando o seu oficio, pero conseguen o contrario, comeza a atopar prácticas bastante pouco éticas no seu traballo anterior. Os seus xefes, vendo que non conseguen o que pretendían, prohíbenlle incluso consultar os seus antigos casos.

Nese proceso incluso descubre que a súa muller lle foi infiel durante un breve espazo cun dos seus compañeiros no bufete, que era un dos seus mellores amigos. E do mesmo xeito, el tamén descubre que tiña unha relación con outra compañeira do bufete, e que quedaban un par de veces por semana no mesmo hotel. E segue avanzando na vida, e decidindo que lle convence máis a versión de si mesmo que ten agora que a que aparentemente tiña antes do atraco.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...