sábado, 27 de novembro de 2021

Homenaxe a Lino Braxe no Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

Hai unhas semanas tivo lugar un emotivo acto, por moitas razóns. Por comezar polas menos importantes, foi o primeiro evento multitudinario ao que asistín dende que chegou a actual pandemia. No Teatro Rosalía de Castro da Coruña debía haber unhas 300 ou 400 persoas asistindo ao acto, e iso fíxome pensar que, aos poucos, estamos saíndo deste pesadelo. As razóns máis importantes é que se homenaxeou a un amigo e persoeiro da cultura galega nun dos eventos que el organizou durante moitos anos. Explicareime, para os que non entendan o que estou dicindo.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda leva case 25 anos celebrando o Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro en outono. Ibán Toxeiro era un actor novo do seu grupo de teatro que morreu de forma totalmente inesperada cando tiña pouco máis de 20 anos. Era unha figura emerxente do teatro galego, e como se di sempre, ninguén sabe ata onde podería ter chegado.

Nesas case 25 edicións (creo que só se suspendeu no 2020 pola pandemia) o organizador da gala foi Lino Braxe, actor e director teatral, aparte de escritor e moitas outras cousas máis, moi ligado á Agrupación Cultural, e nos últimos anos incluso o director do seu grupo de teatro.

No pasado Nadal, tamén de forma moi sorpresiva, deixounos Lino Braxe. E a Agrupación decidiu que este ano a gala fora un homenaxe a el mesmo, a quen tanto se lle debía. A nova directora do grupo de teatro da Agrupación, Manuela Varela, colleu o relevo de Lino. Todo parece indicar que xa se institucionaliza o feito de que a persoa que dirixa o grupo de teatro ten que organizar tamén esta gala teatral anual, e ten certa lóxica, obviamente.

Como era previsible, o acto resultou moi emotivo. Houbo discursos, recitado de poemas de Lino a cargo de amigos del, e o grupo de teatro da Agrupación escenificou a súa última obra, que foi xusto a última que escribiu Lino, e que estaban ensaiando cando el morreu. Por certo, a obra non me chamou demasiado a atención. Vin varias obras de Lino, e nunca me atraeron demasiado. Gustábame moito máis o seu labor como poeta e, sobre todo, as actuacións do grupo que musicaba os seus poemas, A Caricia da Serpe. Teño os dous discos que editaron, e os seus concertos eran moi amenos.

Deixo un vídeo que atopei de Avenida Atlántica, un grupo galego-cubano que crearon varios dos integrantes de A Caricia da Serpe con músicos cubanos, cando se irmanaron a Torre de Hércules e o Faro do Morro da Habana. A min gustábanme moito máis as actuación de A Caricia da Serpe, pero en Youtube só atopei os seus audios.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...