sábado, 27 de novembro de 2021

Cidadán Kane

Na cadea de televisión fascistoide Trece parece que puxeron hai pouco en marcha un ciclo de cine clásico que se chama "Classics". Proxectan as películas os venres pola noite (algunha vez son dúas, non só unha), son todas películas en branco e negro, bastantes parecen ser da mítica RKO, e antes e despois, hai un pequeno coloquio (tamén emitido en branco e negro, como homenaxe a ese tipo de cine) dirixido por José Luis Garci. Este tipo segue facendo exactamente o mesmo que facía na 2 con "Que grande é o cine!!", como ler os principais sucesos históricos que tiveron lugar no ano no que se presentou a película. En fin, algo bastante rancio e acorde a esta cadea de televisión. O importante é que botan boas películas.

Hai unhas semanas, cando me decatei desta circunstancia (non descarto que este ciclo comezara xusto ese día, polo título elixido) botaban a mítica "Cidadán Kane" (no mundo hispanofalante con pequenas variacións na tradución, nalgúns países soltos incluso o resumiron como "O cidadán", que xa me parece excesivo), película dirixida en 1941 por Orson Welles. Víraa había moitísimo tempo e tocaba recuncar. O reparto está encabezado polo propio Orson Welles, Joseph Cotten e Everett Sloane. Foi a primeira película dirixida por Orson Welles, despois de moitos éxitos no teatro e na radio. A historia está bastante ben (o único Óscar que conseguiu foi o de guión, aínda que optaba a moitos máis), pero a min tampouco debe atraerme moito, porque escribo este artigo un par de semanas máis tarde do visionado e tiven que revisar a historia na Wikipedia, porque apenas lembraba nada. A miña vida é moi intenas, pero...

Charles Foster Kane (supostamente un "alter ego" de William Randolph Hearst) morre na súa inmensa mansión de Xanadú, en Florida. A súa morte é unha noticia de impacto mundial, e tamén o é a última palabra que pronunciou antes de morrer: "Rosebud". Un agudo xornalista ponse a investigar que pode significar esa palabra. Os seus servintes, familiares e amigos son entrevistados por este tipo, contan todo tipo de anécdotas e historias do pasado, pero ninguén sabe o que pode significar (parece o típico "macguffin" de Hitchcock, coa escusa dalgo banal aproveitan para contar algo máis importante).

Este tipo naceu en Colorado, nunha familia pobre, pero casualmente a familia convértese en propietaria dunha mina aparentemente inútil que acaba sendo moi valiosa. Por esa razón, envían ao neno á costa este tutelado por un cínico banqueiro que lle permitirá facer uso da súa riqueza cando cumpra os 25 anos.

Cando chega ese momento, o rapaz faise cuns xornais e quere facerse famoso facendo un xornalismo realista e de denuncia. Pero a ansia de poder acaba corrompéndoo e intenta converterse en gobernador do Estado de Nova Iork, incluso casando coa sobriña do presidente dos Estados Unidos. O seu principal rival tamén descubre que ten unha aventura extramatrimonial cunha mediocre cantante e consegue vencerlle dese xeito.

Divórciase da súa primeira muller e céntrase en intentar converter á segunda nunha cantante de éxito, cousa complicada porque non ten demasiadas cualidades. Iso incluso lle provoca problemas con amigos seus xornalistas que traballaban para el, aos que acaba despedindo porque nas críticas culturais non falan da súa esposa todo o ben que a el lle gustaría.

Finalmente a segunda muller tamén o abandona, aburrida da soidade na súa extensa finca "Xanadú", e el acaba morrendo alí, só e case esquecido. Na última escena, cando os obreiros que están pechando a finca están queimando todo o material sobrante no forno da casa, descúbrese que "Rosebud" era o nome do trineo co que xogaba cando neno en Colorado, supostamente o único momento da súa vida no que foi feliz.

Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...