sábado, 27 de novembro de 2021

Alchemy Re-Live de Brothers In Band

Na mesma semana na que fun ao Memorial Ibán Toxeiro, asistín a este concerto, confirmando que, aparentemente, estamos volvendo a unha aparente "normalidade". Nesta ocasión o Pazo da Ópera estaba case cheo, con cerca de 2.000 persoas. O máis curioso é que este concerto era o mesmo ao que algúns pretendíamos asistir o 13 de marzo de 2020, cando se declarou a pandemia, e inmediatamente se suspenderon todos os eventos deste tipo. 20 meses despois foi posible, por fin.

Agora haberá que explicar o lío das bandas tributo a Dire Straits na cidade da Coruña. Polo que parece, Dire Straits debeu gustar moito a mediados dos 80 en todo o mundo, pero na Coruña debeu impactar máis do normal (comigo si o fixo), porque aquí afloran unhas cantas bandas tributo. A primeira que apareceu (que eu saiba) foi esta, Brothers In Band, liderada por un guitarrista coruñés chamado Óscar Rosende, que imita a Mark Knopfler de marabilla (co nivel de virtuosismo do orixinal, iso non debe ser nada doado). Pouco antes da pandemia, enterámonos que houbera algún problema no grupo e que Óscar Rosende marchara. Pero o seu substituto, o italiano Angelo Fumarola, é tan bo coma Rosende ou máis. Pola súa banda, Rosende acaba de fundar unha nova banda tributo chamada Great Straits, que creo que vai debutar dentro de pouco na cidade. Non creo que vai vela, xa estou algo saturado deste son.

Hai anos xa vin actuar a Brothers In Band. Foi un concerto de máis de tres horas nun Teatro Rosalía ateigado (seino porque eu estaba no galiñeiro), estivo moi ben, pero decepcionoume un pouco porque puxeron bastantes cancións do seu último disco en estudio, que me parece moi frouxo. Parecía que as poñían en pé de igualdade e calidade con todos os seus discos anteriores, que para min son moitísimo mellores. Se toda a súa carreira fora como o último disco, pasarían totalmente desapercibidos. A mediados dos anos 80, Dire Straits sacou o disco "Brothers In Arms" o penúltimo disco en estudio, e para min, o último bo que editaron, e fascinoume. Conseguín os discos anteriores, e durante uns 3 anos, practicamente non escoitei outra música, así que marcou totalmente a miña adolescencia.

Despois daquel concerto do Rosalía xa tiña a miña nostalxia totalmente satisfeita, despois de moitos anos case sen escoitar música deste grupo, e non tiña intención de volver a unha actuación da súa banda tributo coruñesa. Pero entón anunciaron outro cartucho destas bandas tributo, que é dicir que van tocar "ao pé da letra" un mítico concerto en directo dese grupo. E o mítico concerto en directo de Dire Straist chámase "Alchemy", e está considerado por moitos un dos mellores discos en directo da historia do rock (eu suscríboo). Así que me animei a velo, pero chegou a pandemia, e só puidemos saciarnos 20 meses despois.

"Alchemy" foi gravado no verán de 1983 no Hammersmith Odeon de Londres. Tocaron dous días seguidos, gravaron os dous concertos, e case todo o que se editou pertence ao segundo deses días, agás uns pequenos fragmentos do primeiro. Finalmente editouse en marzo de 1984. Teoricamente o disco consta de 11 cancións, aínda que hai unha delas, "Love over gold", que non aparecía en todas as versións. Unha das cousas que me sorprendeu é que na Coruña tocaron tres cancións máis que, polo visto, tamén tocaron en Londres daquela, pero que nunca chegaron a editarse no disco. Non sei exactamente como se enteraron, nin como conseguiron esas gravacións para intentar reproducilas agora, pero supoño que terán moi boas relacións co grupo orixinal, ou o que quede del. Esas tres cancións novas foron "Industrial disease", "Twisting by the pool" e "Portobello belle". As dúas primeiras soaron no concerto exactamente igual a como soan nos discos de estudio, pero na última xa improvisaron bastante, igual que fixeron con outras cancións dese disco en directo.

Rematarei dicindo que estiven toda a semana anterior escoitando a discografía completa (incluso o disco que non me gusta nada e algúns directos tardíos desa última época), para refrescar a memoria. Documentándome, incluso atopei varias cancións do grupo que non sabía nin que existían, e descargueinas. Como non podía ser doutro xeito, o directo estivo fenomenal e o nivel de fidelidade ao orixinal foi total ou case total (nalgo errarían, digo eu). Un colega meu dixo que si, que soaron moi ben, pero que a estas bandas tributo fáltalles a actitude do rock, están tan obsesionadas por imitar á perfección o orixinal que son case como actores. Seguramente non lle falta razón, pero eu necesitaba alimentar a miña nostalxia, e o demais era secundario.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...