mércores, 30 de decembro de 2020

O home tranquilo

Esta película estaba convencido de que xa a vira completa, e efectivamente confirmeino, pero repetín, que sempre resulta moi agradable de ver, aínda que hai varias cousas que chirrían bastante. Foi na noite do mesmo día no que vin "A taberna do irlandés", e quería sacarme ese agre sabor de boca dos dous colegas facendo un bodrio infumable, esta xa é outra cousa.

Foi dirixida en 1952 por John Ford para lucimento de John Wayne (como non), Maureen O'Hara, e tamén algo de secundarios como Víctor McLaglen e Barry Fitzgerald. O tema do título tamén ten traca. O título español e galego é unha boa tradución do orixinal, que ademais ten coherencia coa trama, pero en Arxentina e Venezuela tiveron o terrible erro de traducila como "o home quieto". Non sei, se cadra neses países "quieto" tamén é sinónimo de "tranquilo", pero se non é así, o erro é considerable.

Vou axiña á historia, por se non a coñecedes. Un ex-boxeador que naceu en Irlanda pero que de pequeno marchou para Estados Unidos, volve á súa aldea natal, Innisfree, para establecerse alí. Non se sabe ata a metade da película, pero faino porque no último combate matou ao seu contrincante, xa non quere volver pelexar e quere comezar unha nova vida. Ese caracter fai que sexa un tipo moi tranquilo que nunca discute con ninguén, o cal non está moi ben visto na sociedade tradicional irlandesa na que se está mergullando, e iso tamén choca co seu caracter americano, pouco ceremonioso e máis pragmático e directo.

Cando chega ali, merca a casa dos seus antepasados, para restaurala, o cal o enemista co que vai ser o seu veciño máis cercano, e casualmente namora perdidamente da súa irmá, protagonizada por Maureen O'Hara. Todo isto e o caracter algo pechado e túzaro dos irlandeses, e especialmente desa familia (que hai que darlles de comer aparte), fai que o conflito vaia crecendo aos poucos. Intenta casar con ela, pero o irmán oponse, despois conseguen convencelo, pero despois hai un problema coa dote, que a el lle dá igual (non semella ter problemas de cartos), pero á súa prometida non.

Por culpa de todos eses líos, todo remata cunha mítica pelexa entre os dous, que son bos becerros, con toda a poboación da zona xaleando e apostando, incluso uníndose en pequenas escaramuzas entre eles. Pero ao final todo acaba ben e incluso fanse bos amigos.

Xa digo, a película resulta agradable de ver e o guión está moi ben trabado e é bastante intelixente (todo o contrario da "Taberna do irlandés", non me cansarei de dicilo. Agora ben, hai algunhas cousas que chirrían, pero non sería xusto ver unha película de hai case 70 anos cos ollos de agora, é bastante tramposo. A visión da película é algo ou bastante machista, incluso cos anos de diferenza, creo. Ao fin e ao cabo, a John Wayne sempre lle poñían mulleres moi fermosas, de moito caracter, e bastante agresivas, ás que el acaba dominando, sobre todo a base de cachetes. A min xa me resulta bastante patético. Por outra banda, tamén me chirría algo iso de contrapoñer o pragmatismo e resolución estadounidense coa cultura tradicional irlandesa. Parece que o director tiña antepasados irlandeses e idolatraba con nostalxia esa cultura ancestral.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...