mércores, 30 de decembro de 2020

A taberna do irlandés

Oíra falar desta película moitas veces, e cando xurdiu a oportunidade de vela, nin o dubidei. Antes de vela, non sabía seguro se xa a vira ou se a confundira con outra, pero esa dúbida aclarouse aos poucos segundos. Estaba seguro de que nunca vira a John Wayne na Polinesia. Foi dirixida en 1963 por John Ford para exclusivo lucimento de John Wayne, porque é un disparate que non ten outra explicación. Debían ter ganas de xolda e pareceulles un bo lugar para facela alí.

Podemos comezar xa polo título. O título orixinal é "Donovan's Reef", que é o nome da devandita taberna na Polinesia francesa (realmente rodouse en Hawai). A tradución podería ser "O arrecife de Donovan", e Donovan é o apelido do personaxe de John Wayne. En galego quedou como "A taberna do irlandés", algo da trama sucede na taberna, pero tampouco é para tanto. E o título para Hispanoamérica (ou parte dela) foi "Aventureiro no Pacífico", que tampouco está mal, pero ningún deles reflexa de que vai a historia, que xa digo, é un disparate para divertimento dos dous colegas.

Resulta que tres soldados do exército americano que loitaron no Pacífico quedaron por alí despois da guerra, e non lles foi mal. Un deles protagonízao John Wayne, que supostamente rexenta unha taberna. Outro protagonízao Lee Marvin, que aparentemente tamén axuda na xestión da taberna. Está borracho boa parte do tempo, e peleándose co personaxe de John Wayne, por razóns aparentemente incomprensibles. E o terceiro é o personaxe protagonizado por Jack Warden, que é o único médico que hai na zona, que raramente está xunto aos outros, porque está sempre traballando, e que ten tres fillas pequenas que tivo cunha princesa do lugar, que morreu hai pouco tempo, e que era moi querida e venerada por todos.

Pois este idílico paraíso vese alterado porque dende Boston chega Amelia (protagonizada por Elizabeh Allen), a filla maior do médico, á que non chegou a coñecer porque marchou á guerra. Ela vén comprobar se leva unha vida recta e legal, porque de non ser así, ela herdará o imperio dunha importante navieira de Boston que pertence á familia. Chega á illa sendo un toxo, pero pouco a pouco vaise abrandando e adaptando á relaxada vida do lugar. E como non, vaise namorando de John Wayne, pero do xeito típico que fan nas súas películas, é dicir, tendo aparentemente moito caracter, discutindo moito con el, para recibir uns cachetes ao final e caer nos seus brazos. Bastante patético, por certo.

Durante ese lapso de tempo, como saben das intencións de Amelia, fanlle crer que os tres fillos do médico son realmente de John Wayne, pero obviamente unha mentira dese calibre sae á luz, pero ao final non ten relevancia, porque parece que Amelia queda tamén a vivir alí.

Pois xa digo, un disparate. A historia non hai por onde collela, Lee Marvin case non aparece, ou o fai de forma totalmente secundaria, Jack Warden aparece aínda menos, e todo xira en torno a John Wayne e Elizabeth Allen, na súa estraña e incrible historia de amor. Xa digo, os dous John non sabían o que facer, nin en que gastar os cartos, e foron correrse unha xolda á Polinesia. Non está mal o plan, pero cine, pouco e mediocre.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...