luns, 7 de decembro de 2020

Papillon

Varias veces me cruzara con esta película, e estaba convencido de que xa a vira, polo menos algúns fragmentos. Onte tiven a posibilidade de vela completa, fíxeno e non me soaba absolutamente de nada, non sei onde puido estar a confusión. Foi dirixida en 1973 por Franklin Schaffner e protagonizada nos seus papeis principais por Steve McQueen, sobre todo, e algo máis secundario por Dustin Hoffmann.

Polo visto, está baseada nunha novela supostamente autobiográfica de Henri Charriere, publicada en 1969. Lin nalgures que se pon en dúbida a súa veracidade. A min chamoume a atención algún detalle xeográfico algo incrible. Por exemplo, que cando conseguen escapar da prisión na Guaiana Francesa, chegan a Honduras, que queda a moitísima distancia. Resúltame algo estraño crer que non tocaran costa antes en ningún sitio.

A historia está ambientada a finais dos anos 30 e comezos dos 40. Os que se consideran os presos máis perigosos de Francia son levados á Guaiana Francesa, e alí son moi mal tratados. O preso protagonista, que ten o alcume de Papillon (que significa "bolboreta" en francés, e que leva tatuada unha no peito), chega alí coa intención de fuxir o antes posible, porque di que non é culpable do crime do que se lle acusa. Coñece nada máis chegar a Degà, un falsificador que ten a capacidade para facer billetes con moita facilidade, ao que todos coñecen e do que se queren aproveitar. Papillon ofrécelle protección, e o outro acéptaa, pero acaban facéndose moi amigos.

A historia é bastante incrible. Consegue fuxir do primeiro cárcere, cólleno e lévano a unha de máxima seguidade, na Illa de San Xosé, de onde sae case morto e moi envellecido, aínda que tamén finxía demencia. De volta no continente e coa axuda de Degà, consegue escapar de novo nunha barca, e non se sabe moi ben como, din que chegan a Honduras (aínda que a min me parece demasiada distancia, ao mellor era Venezuela ou Brasil).

Alí están a punto de collelo de novo, pero consegue escapar e chega a unha tranquila comunidade rural onde o aceptan, fai boas migas cunha indíxena, faille unha tatuaxe dunha bolboreta ao ancián xefe, e danlle como premio unhas cantas perlas. Intenta marchar e chega a un convento onde o traizoa a nai superiora e volven apresalo.

Dalí lévano á Illa do Diaño, onde tamén está Degà. Dalí é case imposible escapar, porque non hai praias de ningún tipo, todo son acantilados. Degà decide quedar, pero el escapa (non hai vixianza de ningún tipo, dada a suposta imposibilidade de escapar) montando enriba duns sacos que levan cocos. E aí remata a película.

Dende logo, a película ten trama e non aburre. Pero si, resulta algo incrible por momentos que a esa persoa neses anos da súa vida lle pasara todo iso. Pode ser, pero....

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...