domingo, 30 de xuño de 2024

O sabor do sake

Nos últimos tempos estiveron botando no CGAI un ciclo sobre o director xaponés Yasuhiro Ozu, cuxo nome me soaba lixeiramente. Non me cadrou demasiado ben ver ningunha delas, e polo que me documentei, tampouco tiña claro que me foran interesar moito, porque parecía moi centrado no melodrama, e nas relacións amorosas e de amizade, que non é un dos meus puntos de interese. Pero pechaban a tempada ata setembro e eu comezaba as vacacións, así que fixen un esforzo.

"O sabor do sake" foi dirixida por Yasuhiro Ozu en 1962 (foi a última que fixo, morreu ao ano seguinte). Porei aos principais actores e actrices do elenco, aínda que non me soa ningún, porque son un completo ignorante en cine xaponés: Chishū Ryū, Shima Iwashita, Keiji Sada, Mariko Okada, Teruo Yoshida, Noriko Maki, Shin'ichirō Mikami e Nobuo Nakamura. Como curiosidade, podemos dicir que o título orixinal debe ser algo asi como "Unha tarde de outono", e ningún dos dous me parece en absoluto representativo da temática. En Youtube non atopei nada en español desta película, pero tampouco me matei a buscar.

A temática é algo ou bastante machista, pero tampouco temos que medir a sociedade xaponesa dos anos 60 cos parámetros de hoxe, na nosa sociedade tamén pasaban cousas así de rancias. O caso é que o señor Hirayama vese algo presionado polos colegas, que están continuamente lembrándolle que a súa filla aínda vive con el para coidalo, pero que estaría ben casala. El, de xeito egoísta, non se preocupa demasiado porque lle convén non casala para que lle faga todo o traballo do fogar a el e ao outro fillo que aínda vive na casa, porque o maior xa casou e marchou.

Segundo avanza a película, van pasando cousas e imos coñecendo personaxes que animan ao señor Hirayama a ir cambiando de opinión e pensar no casamento da súa filla. Pero xa chega algo tarde nalgúns casos, porque algún dos posibles pretendentes da súa filla Michiko, que poderían estar interesados e que a ela lle gustaban, xa están comprometidos con outras mulleres porque pensaron que Michiko nunca casaría, ou ía tardar moito máis tempo en facelo.

Un dos personaxes máis entrañables que provoca ese cambio é un antigo profesor do señor Hirayama e dos seus colegas, coñecido co alcume de "O Calabaza". Invítano a unha cea con eles, moi emotiva, pero el remata terriblemente borracho, e varios deles acompáñano a casa. Alí descubren que a súa filla tampouco casou para coidalo a el, e que rexenta un restaurante bastante cutre para saír adiante. Finalmente o señor Hirayama accede e acaban casando a Michiko, con alegría por case todas as partes.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O que pensan as mulleres

Como xa dixen aquí moitas veces (a última delas hai un par de semanas) gústanme moito as comedias de Ernst Lubitsch. A verdade é que ten unh...