venres, 22 de decembro de 2023

Os nenos da varíola

Aínda onte estiven falando con alguén de "Os nenos da varíola", a novela da galega María Solar sobre a alucinante expedición do doutor Balmis para levar a vacina da varíola a boa parte do planeta a comezos do século XXI. Casualmente eu non lin a novela de María Solar (que algún día caerá, porque a historia me fascina), pero si lin outras que tratan sobre o tema. 

Pois hai un mes tiven a sorte de poder ver no Fórum Metropolitano da Coruña a representación teatral da adaptación desa obra a cargo da compañía Pérez & Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego. Finalmente só actúan catro persoas, que son Victoria Pérez, Isabel Risco, Manu Fernández e Xosé Leis, que interpretan a ducias de personaxes, e en ocasións cambian dun a outro en cuestión de segundos.

A escenografía é sinxela, pero moi funcional. No fondo do escenario, á esquerda e dereita, en posición oblicua con respecto ao patio de butacas, hai dous grandes paneis, anchos e altos, que principalmente fan o papel de parede. Aínda que ao final tamén simulan ser as velas do barco no que marchan da península. E polos seus laterais e entre os dous paneis, están saíndo e entrando os actores e actrices con moita fluidez. Suponse que detrás deses paneis estaba a roupa coa que rapidamente cambiaban de personaxe e volvían saír a escena.

Non vou dedicar moito tempo a contar a historia, que xa debería ser coñecida. Se alguén non a coñece, que busque libros ou documentais sobre o tema, que xa comeza a habelos e bastantes. É unha historia fascinante, repito.

O curioso da obra de teatro, que eu non sabía, é que é bastante breve e céntrase na primeira parte da historia, cando están na península preparando a saída da expedición para América. Se non lembro mal, a obra remata cando van camiño de ou están chegando a Canarias, a primeira parada. Descoñezo se a novela de María Solar só chega ata aí ou segue máis adiante. Na novela que eu lin tamén contaban a traxectoria en América, e incluso pode que algo de Filipinas.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...