xoves, 27 de xullo de 2023

Tirano Banderas

Por variar un pouco, decidín ler algo en castelán. Hai uns anos a Voz de Galicia publicou unha colección con moitas obras de Valle-Inclán. O que non lembro é se había algunha efeméride que celebrar, pero o caso é que fixérono. Eu non collín todas, pero merquei un bo feixe delas. O que non lembraba é que Valle-Inclán, que destaca polo teatro, tamén escribira novelas, pero si. E mira ti por onde, eu escollín xusto unha destas, a que está considerada a mellor: Tirano Banderas.

Como sabedes, Valle-Inclán é o creador do "esperpento" e xa perdín a conta de cantas obras del supostamente son o "summum" do esperpento. Obviamente, "Tirano Banderas" tamén está considerada o paradigma do esperpento na novela. Tiña ganas de lela porque pouco sabía dela. Teño visto montaxes teatrais, audiovisuais ou incluso lidos algunhas das súas obras de teatro máis famosas, pero do resto da súa obra, a que máis me soaba era "Tirano Banderas", pero non me soaba terme achegado a ela por ningunha vía, así que a elección estaba clara.

E por se non chegaba atoparse cunha novela cando seguramente cría que ía ler unha obra de teatro, resulta que está ambientada en Latinoamérica, e o autor fixo un magnífico traballo de documentación léxica, e a linguaxe podería ser creación de calquera autor da zona. Polo visto, foi moi destacada por grandes autores latinoamericanos como Vargas Llosa e García Márquez. E dou fe que o léxico é puramente latinoamericano, e bastante difícil de seguir, por momentos. Eu non son filólogo, e moito menos hispánico, pero pareceume percibir varios termos que eu asociaría a México. 

E casualmente ese é o país latinoamericano que máis pisou. Estivo unha vez a finais do século XIX, durante menos dun ano, el era novo, había un dictador chamado Porfirio Díaz, co que tivo certos problemas, como o resto da xente da cultura. Volveu trinta anos despois, pero daquela a situación do país era totalmente diferente. Dise que a novela é unha típica "novela de dictador" que non se inspira en ningún concreto senón que é unha especie de denominador común (debían ter bastante onde escoller).

Non creades, na novela non pasa gran cousa, é unha recreación da riquísima linguaxe e dalgúns personaxes, sobre todo o tirano, claro. Parece que hai unha revolución preparándose contra o tirano Santos Banderas, o representante do goberno español pasa bastante do tema, Banderas é consciente e fai represión sobre a oposición, pero por momentos semella ter xestos de humanidade. E no último capítulo, ás carreiras, e sen saber por que, semella que a revolución estalou e o tirano é consciente de que será derrocado. Pero non busques explicacións no libro, porque non as hai.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...