xoves, 27 de xullo de 2023

Pioneiras do deporte en Galicia

Tocaba variar de novo un pouco, e despois de varias novelas, tocaba volver ao ensaio divulgativo. Lin un libro que xa foi publicado pola Deputación da Coruña en 2017, do que xa asistín á presentación no seu día e que incluso entrevistamos na radio á súa autora para que nos contara máis do tema. Así que algúns dos temas principais xa os coñecía, pero non estivo mal profundar un pouquiño neles. 

O libro titúlase "Pioneiras do deporte galego" e foi escrito por Cristina López Villar, que é profesora na Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (antes coñecido como INEF) na Universidade da Coruña, con sede en Bastiagueiro. Fala sobre as mulleres galegas que practicaron deporte dun xeito máis ou menos público entre o 1850 e o 1936. Hai que ter en conta que moitos dos casos máis destacados foron nos últimos anos dese período, durante a II República, pero a chegada da Guerra Civil freou en seco todos eses avances.

Hai que ter en conta que o machismo imperante nesa época agora causa vergoña (o mesmo que pasará no século XXII cando vexan o que pensamos agora, supoño), e consideraba que a principal función da muller era a de nai, e polo tanto, calquera actividade que non fora orientada a ese labor e a salvagarda do fogar era perniciosa. Así que as cousas que se dicían sobre as primeiras mulleres deportista agora causan bastante rubor, pero é o que hai.

Por destacar algunhas cousas, un 20% do espazo do libro está dedicado ao xoquei sobre herba, que causou auténtico furor entre as mulleres galegas, principalmente das cidades, claro, nos anos 30. Chegou a haber uns cantos clubs con certa traxectoria.

E penso que outro dos casos máis destacados é o de Irene González Basanta, unha porteira de fútbol nada en 1909 na Coruña e que morreu de tuberculose en 1928. Polo visto, causaba sensación na cidade. Era moi boa porteira e tiraba tamén os penaltis do seu equipo. Xa se fixo algún documental e algún cómic sobre ela. E hai varios vídeos en Internet, un deles brasileiro.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...