venres, 29 de xullo de 2022

Sherlock

Como xa dixen hai pouco, cando inaugurei esta sección, non me gustan demasiado as series, e as poucas que vexo completas, teñen que ser moi breves para que eu me anime. Ese deporte nacional de pasarse días ou fins de semana completos vendo series enteiras non é o meu estilo. Hai pouco vin "Unha confesión" na EITB, porque eran só 6 capítulos de 45 minutos, e onte rematei de ver "Sherlock", que son 13 capítulos de 90 minutos, e debín comezar hai uns 6 meses, facilmente. Como curiosidade, Martin Freeman está nas dúas.

Pois esta "Sherlock" é unha curiosa actualización do personaxe ao século XXI, agás un capítulo que fixeron entre a terceira e cuarta tempada, que si estaba ambientado no Londres de finais do século XIX, como o personaxe orixinal. 

Está claro que unha boa parte da potencia da serie está na grandiosidade e o poder de atracción do personaxe creado por Arthur Conan Doyle. Eu xa comecei a sentila hai uns 40 anos, cando chegou á miña casa o número 2 dunha colección de libros de misterio publicados por Bruguera en 1981. Titulábase "As aventuras de Sherlock Holmes" e, se non me trabuco, é o primeiro dos libros de relatos sobre este personaxe, con 12 contos. Finalmente Conan Doyle acabou publicando 4 novelas e 56 relatos diferentes.

A serie ten catro tempadas e algún agasallo intermedio. As tempadas foron nos anos 2010, 2012, 2014 e 2017, e cada unha tivo só tres capítulos. No ano 2016 sacaron un capítulo especial de Nadal, que foi o único ambientado na época orixinal da historia. Ou sexa, un total de 13 capítulos.

Na miña opinión, as interpretacións son soberbias (se non fora así, seguramente non a remataría de ver, claro). Está de máis dicir que Benedict Cumberbatch, o actor que dá vida a Sherlock Holmes, faino excepcionalmente ben. Xa o vin en "Descifrando enigma" facendo de Alan Turing e nalgunha de Star Trek, e sigo pensando que é unha das superestrelas actuais (e futuras) do mundo audiovisual. Martin Freeman tamén está moi ben facendo do doutor John Watson. E o resto de secundarios tamén están moi ben, resúltame moi complicado atoparlle un punto feble á serie, aínda que supoño que algún terá.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...