domingo, 8 de maio de 2022

Sherlock Holmes e a arma secreta

Por razóns que non veñen agora ao caso, ultimamente estou vendo bastantes historias audiovisuais sobre Sherlock Holmes, o inmortal personaxe de Arthur Conan Doyle. Comecei con algunha película de Robert Downey Jr, hai pouco comecei a ver os primeiros capítulos da serie protagonizada hai uns anos por Benedict Cumberbatch e Martin Freeman e o outro día lembrei que había unhas películas clásicas en branco e negro ben xeitosas sobre o tema. A miña nova Smart TV permitiume chegar a elas por Youtube.

Esta película clásica que vin o outro día foi dirixida en 1943 por Roy William Neill, que despois dirixiu moitas máis protagonizadas polos mesmos actores principais, Basil Rathbone facendo de Sherlock Holmeas, Nigel Bruce facendo do Doutor John Watson e Dennis Hoey facendo do inspector Lestrad. Teoricamente está baseada nun conto de Doyle titulado "A aventura dos homes bailantes" pero semella que o parecido entre a película e esa historia é mínimo, e buscouse unha escusa calquera para ambientala na II Guerra Mundial, cando o autor xa non vivía. Había que facer propaganda para os aliados como fora.

O caso é que un científico británico deseñou unha arma revolucionaria que pode decantar a II Guerra Mundial do lado dos aliados e, obviamente, os nazis apoiados polo malvadísimo Profesor Moriarty queren facerse cos seus planos. O científico é levado a Londres pero consegue escapar do lugar onde o tiñan retido, un pouco pola súa astucia e outro pouco porque o Doutor Watson sempre semella algo aparvado. Fuxe non para irse co inimigo, senón para entregarlle a catro científicos amigos as diferentes pezas da súa arma: unhas sen as outras son totalmente inútiles.

Nesta historia, Sherlock Holmes, máis que da súa astucia, que tamén, bota man da súa capacidade para disfrazarse (que eu xa tiña bastante esquecida). Pero vaia, que a historia é un pouco trangallada e non di moito da pericia do autor cando creou aqueles relatos inmortais.

Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...