domingo, 8 de maio de 2022

Os xoves, milagre

Buscando en RTVE Play atopei unha película clásica española da que oíra falar moitas veces pero que nunca vira, así que me animei a vela.

"Os xoves, milagre" foi dirixida por Luís García Berlanga en 1957, foi a súa quinta película. Agora ben, polo que parece, filmar unha película con esta historia no medio do franquismo e coa influencia que tiña a Igrexa daquela si que foi unha auténtica milagre. Parece que interveu algún director máis, entrou a censura, modificaron incluso diálogos na sala de montaxe e parece que ata hai varias versións da película. Patético. O reparto é moi coral, cousa que pasa bastante con este director. Destacan o estadounidense Richard Basehart e o italiano Paolo Stoppa, e os españois Pepe Isbert, José Luís López Vázquez, Manuel Alexandre, e moitos outros cuxas caras me soan pero non consigo asocialos co seu nome.

A historia é ben simple. O pobo de Fontecilla está máis morto que vivo e o seu destartalado balneario case non o visita xa ninguén. As forzas vivas do pobo pergeñan un plan para facerlles crer que os xoves se vai aparecer San Dimas, xa que hai unha imaxe na igrexa do pobo. Aparécese o primeiro día a Mauro, o tonto do pobo, e a semana seguinte a varias beatas máis. Non semella moi convincente, pero a xente vaise animando e vai por alí todos os xoves, por se acaso.

Nese intre aparece un estraño personaxe chamado Martino que semella un mago, ladrón, ou algo así, que consegue convencer a todo o mundo de que as augas do balneario son milagreiras. As forzas vivas deciden recoñecer en público que todo foi unha broma sen mala fe inventada por eles pero xa ninguén lles cre, son máis felices pensando que a auga si é milagreira.

Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...