luns, 11 de abril de 2022

Dirty Dancing

Pois si, finalmente cheguei a esta película só con 35 anos de retraso. A min non me gusta nada bailar nin ver bailar a outros, así que pensei que non me perdía nada importante para min. Pero alguén me insinuou que ese tema era só o decorado da película, pero que tiña temáticas sociais bastante máis profundas, e iso fíxome animarme a vela.

A película foi dirixida en 1987 por Emile Ardolino e os papeis principais foron para Patrick Swayze, Jennifer Grey, Cynhtia Rhodes e Jerry Orbach. Creo que a maioría dos países mantiveron o título orixinal en inglés, pero como habitualmente, en Hispanoamérica descolgáronse con algunhas traducións curiosas, como "baile quente", "baile suave" ou "baile atrevido".

A película está ambientada nun verán de comezos da década dos 60, parece que no extremo nordeste dos Estados Unidos. Hai un resort de montaña no que vai veranear moita xente, de clase máis ben alta. Moitos dos camareiros e traballadores son estudantes de prestixiosas universidades daquela zona, como Cornell, Columbia, Harvard ou Yale. Estudar nesas universidades privadas é moi caro e hai que conseguir financiación onde sexa, incluso liándose cos fillos e fillas dos ricachóns que van ao resort.

Baby Houseman vai coa súa irmá maior e os seus pais a ese resort, e ao pouco de chegar alí, queda prendada de Johnny Castle, un dos profesores de baile. A súa irmá maior tamén queda prendada de Robbie, un estudante de medicina de Yale, e o pai das rapazas, que é un reputado médico, pensando que o Robbie este é un bo rapaz, está pensando en recomendalo, pero ao final descúbrese que é un pillabán.

Johnny é un dos varios profesores de baile do resort, e a súa vida é aínda máis mísera e precaria que a dos estudantes universitarios, e vai malvivindo a base de dar clases ou ser contratado para exhibicíons de baile en hoteis da zona. A súa parella de baile está embarazada de Robbie e intentan facerlle un aborto en condicións moi pouco fiables. A cousa sae mal e Baby avisa ao seu pai para que lle salve a vida. O pai cre que Baby e Johnny están tonteando, e que o fillo era de Johnny, así que desaproba totalmente a relación. Pero resulta que o fillo era de Robbie, ese "futuro médico" ao que mira con tan bos ollos. Pero claro, o pai de Baby aínda non sabía iso.

Ao final, Johnny tamén é despedido do hotel por ser acusado de roubar unhas carteiras. Pero descúbrese que tiña coartada, porque pasara a noite con Baby, e tamén se sabe que os ladróns eran unha parella de velliños aparentemente inofensivos. Na famosa escena final, Johnny e Baby bailan diante de todo o mundo a canción da película, acláranse todos os malentendidos e todo acaba ben, coma sempre.

Pois iso, gustoume o discurso sobre o clasismo, elitismo e esnobismo da relación entre traballadores e visitantes, recoñezo que non mo esperaba demasiado.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...