mércores, 5 de xaneiro de 2022

Xasón e os argonautas

A mitoloxía gústame, e a grega en particular tamén, e non creo que sexa o único. Este pasado luns, no espazo de cine clásico da 2 botaban "Xasón e os argonautas" e nin o pensei. Pero é unha produción curiosa, cun elenco moi pouco coñecido, e onde sobresaen os efectos visuais da época de Ray Harryhausen, que non foi nin nominado ao Óscar desa categoría.

A película foi dirixida en 1963 por un tal Don Chaffey. O elenco está formando por actores e actrices bastante pouco coñecidos que, por dar unha referencia, ou non teñen ficha propia na Wikipedia (en castelán, refírome), ou destacan por esta película. A única actriz que tivo algo de fama foi Honor Blackman, que nesta película fai de Hera. Os actores que fan de argonautas parecéronme bastante mediocres, os que facían de deuses do Olimpo (só dous ou tres dicían algo) xa parecían algo mellores.

Pois nada, conta con bastante fidelidade (pero non total), a peripecia de Xasón e os argonautas indo á Cólquida na busca do vellocino de ouro. O usurpador rei Pelías non quere que Xasón se converta en rei de Tesalia, e sen identificarse, dille que debe ir á Cólquida na busca do vellocino (que é o pelexo dun carneiro). Así o ten entretido e seguramente non volva, porque queda moi lonxe.

Montan unha grande expedición cos mellores loitadores de Grecia, entre eles o mesmo Hércules. Van pasando por diferentes peripecias, algunhas debido á súa codicia e outras debido a que son as pedras do camiño. Pero acaban chegando á Cólquida, a pesar de que dicían que quedaba moi moi lonxe. Alí son apresados, pero conseguen liberarse coa axuda de Medea, unha sacerdotisa local que namorou de Xasón, quen lle salvou a vida, e conseguen escapar.

Como dicía, unha das cousas máis destacadas da película son os efectos visuais de Ray Harryhausen, feitos coa técnica da "stop motion". As catro escenas principais onde aparecen son:

- O xigante Talos, unha estatua de bronce que esperta cando rouban parte do seu tesouro

- As Arpías, dúas bestidas voadoras que non fan máis que molestar a un cego que lles orienta sobre o camiño que deben seguir, e que son capturadas polos argonautas

- A Hidra que está protexendo ao vellocino, aínda que aquí innovaron un pouco, porque ese monstruo é da historia de Hércules, non da de Xasón.

- A loita cos sete esqueletes que saen dos sete dentes da Hidra.

Non é de Harryhausen, pero para a época tamén debiu estar moi ben a aparición de Tritón, o fillo de Poseidón, que axuda ao barco dos argonautas a pasar por un estreito onde se afundían todos os barcos.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...