domingo, 7 de novembro de 2021

Piratas do Caribe: a venganza de Salazar

Nestes últimos tempos, debido á pandemia, está crecendo bastante o meu consumo audiovisual, especialmente de películas, e como xa comprobaríades, a saga de "Piratas do Caribe" está resultándome simpática, porque acabo de ver a terceira das cinco que a compoñen. A terceira na orde do meu visionado, porque realmente é a quinta e última das rodadas e presentadas en público. Por certo, a tradución do título orixinal era "Os homes mortos non contan contos", pero en todo o mundo hispanofalante decidiron titulala "A venganza de Salazar", seguramente porque ese personaxe estaba protagonizado polo español Javier Bardem, e así potenciaban o mercado patrio.

A película foi dirixida en 2017 por un par de directores noruegueses que, polo visto, sempre traballan xuntos: Joachim Rønning e Espen Sandberg. Os papeis principais son para Johnny Depp, Geoffrey Rush e Javier Bardem como malísimo. Pero semella que xa están preparando o futuro da saga, porque aparecen dous actores novos que ademais acaban emparellándose: Brenton Thwaites (que fai de fillo dos personaxes de Orlando Bloom e Keira Knightley, que só aparecen un breve instante nesta película) e Kaya Scodelario (que fai dunha astrónoma á que intentan queimar por bruxa unhas cantas veces, e que finalmente descóbrese que é a filla de Héctor Barbosa). Por certo, o personaxe de Héctor Barbosa morre nesta película, pero xa sabedes que, nas películas de piratas, polo menos nas desta saga, iso da morte é algo relativo. Sempre hai unha maldición á man que permite resucitar a todo o mundo. Vaia, acabo de enterarme que nunha breve escea sae Paul McCartney, non o recoñecín.

Como habitualmente, a historia é enrevesada, pero tampouco ten moita chicha, xoga coas trampas típicas do mundo da piratería, especialmente nesta saga na que se toma todo en forma de comedia. Basicamente, Will Turner está medio-morto, debido a unha maldición no "Holandés errante", Jack Sparrow é un pirata sen sorte e a súa tripulación pasa del, e Barbosa entérase de que un barco fantasma liderado por un tal Salazar está acabando con toda a súa flota. Supostamente, a salvación de todos eles depende de que unha astrónoma consiga localizar o Tridente de Poseidón, que acaba sendo unha constelación de estrelas que lle indica onde se atopa unha illa na que hai algo que necesitan todos, aínda que non saben exactamente o que é. Efectivamente, chegan alí grazas aos coñecementos dela, e poden desencadear algo que lles permiten romper todas as maldicións.

Xa digo, non son obras de arte, pero resultan películas moi entretidas de ver, sobre todo, dende o punto de vista físico e circense. Os protagonistas escapan de algunhas situacións límite de formas moi ocorrentes e visualmente moi potentes, hai que recoñecerlles ese mérito.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...