xoves, 12 de agosto de 2021

Fóra do Mapa

Acabo de ler un libro ben interesante. Non chegou hai moito tempo, hai 1 ano ou así, que é pouco tempo para estar na miña lista de espera de lectura. Pero cadroulle e lino este verán, e paseino en grande. Titúlase "Fóra do mapa", o subtítulo é "Espazos perdidos, cidades invisibles, illas esquecidas, lugares salvaxes e o que nos ensina sobre o mundo", e foi escrito polo xeógrafo británico Alastair Bonnet.

Fala sobre multitude de sitios bastante curiosos que existen neste planeta. Ten unhas oito seccións, e cada unha delas ten un feixe de capítulos cortos, dunhas 4 páxinas, que falan sobre cada un deses sitios. Vouvos poñer unha serie de exemplos variados para que vos fagades unha idea:
- Unha illa que nunca existiu en Oceanía pero que apareceu ata hai pouco en moitos mapas porque alguén a puxo hai séculos e ninguén se preocupou de comprobalo.
- Unha illa efémera que apareceu durante uns anos na desembocadura dun río e sobre a que viviron varios miles de persoas.
- A cidade vella da Meca está sendo devastada.
- O mar de Aral está practicamente desecado, agora é un deserto de sal.
- En Rusia aínda hai cidades pechadas debido ás actividades dos seus habitantes, e prefiren que siga sendo así.
- Miles de persoas viven dentro do Cemiterio Norte de Manila.
- Cerca da India aínda hai unha illa con tribus non contactadas.
- Nalgunhas fronteiras non está moi claro se algúns pobos están nun país ou noutro.
- Hai zonas pouco interesantes que non son reclamadas por ningún país.
- Hai cidades que foron destruidas por guerras, explosións nucleares, minas tóxicas.
- Hai cidades pantasma nas que aparentemente non vive ninguén, sobre todo en reximes comunistas.
- Hai unha zona de Grecia inzada de mosteiros nos que non poden entrar mulleres.
- No espazo aéreo internacional poden pasar cousas bastante curiosas, e incluso nalgúns aeroportos.
- En Somalia hai aldeas que son as bases dos novos piratas do Índico.
- Hai vilas fronteirizas nas que a fronteira é un rompecabezas.

Se tedes a posibilidade, recoméndovos a lectura deste interesante libro.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...