xoves, 12 de agosto de 2021

Cyrano de Bergerac

Nos anos 90 o cine francés foi capaz de relanzar de novo un dos seus personaxes máis icónicos: Cyrano de Bergerac. Xa pasaron máis de 30 anos, pero cando vin que botaban esta película no espazo de cine clásico da 2 non o pensei nin un intre, había que repetir aquela magnífica sensación.

Naquel ano 1990, Jean-Paul Rappeneau dirixiu unha magnífica versión (descoñezo se fixo algunha outra película destacada, pero non me soa) protagonizada por Gérard Depardieu, que durante uns anos foi unha estrela internacional e incluso creo que deu o salto a Hollywood. O elenco de secundarios están moi ben, destacando Anne Brochet, Vincent Pérez e Jacques Weber nos papeis máis importantes.

A ver, esta obra e o seu protagonista teñen moita chicha. Para comezar, Cyrano de Bergerac existiu na realidade e era máis ou menos como o pintan na película. Pero o primeiro en ter a idea foi o dramaturgo Edmond Rostand, quen fixo unha obra de teatro sobre o personaxe a finais do século XIX, ou sexa, uns 200 anos despois da vida daquel. Nos anos 50 xa se fixo unha versión cinematográfica, que polo visto tivo bastante éxito, pero dubido que tivera máis que esta versión última. Creo que a obra de Rostand xa era toda en verso, porque eu teño (ou tiña por casa, creo) unha versión en galego que representou un grupo de teatro coruñés hai uns anos, e tamén era en verso. E é un dos grandes puntos fortes da obra, polo menos nesta versión de cine.

A historia é máis ben simple, pero algo retorcida ao mesmo tempo, e debido a iso, dá moito de sí. Cyrano é un militar gascón e home pendenciero e arrogante, pero admirado por todo o mundo, porque vence en todos os duelos e pelexas nos que se mete, que son bastantes, e ademais búrlase moi ben dos seus contrincantes coas súas composicións en verso. Está namorado da súa curmá Roxanne, pero non pode nin quere confesarlle o seu amor, debido a un único defecto físico que o obsesiona, o seu grande nariz.

Pero precisamente Roxanne ponse en contacto con el para pedirlle que protexa especialmente a un novo cadete que entra xusto agora ao seu servizo, que é o home do que ela está namorada, sen saber que o seu curmán bebe os ventos por ela. Por se non chegara con iso, o cadete Cristian tamén está namorado de Roxanne, pero ela aprecia moito a cultura, a oratoria e o feito de escribir e declamar ben poesía. Pero Cristian é un zoquete niso, pero Cyrano non. Así que Cyrano decide escribir para Cristian e que os dous poidan ser felices.

Obviamente, Roxanne, que non é nada tonta, está a piques de descubrir a treta en moitas ocasións, pero finalmente non o fai. Cristian morre na guerra e ela vaise a un convento, no que durante moitos anos é visitada todos os sábados polo seu curmán Cyrano. Na derradeira visita, xusto despois dun ataque dalgúns dos moitos que o odian, Roxanne decátase de que foi Cyrano foi quen estivo escribindo aquelas cartas durante todo aquel tempo. Pero xa é tarde, porque Cyrano morre esa mesma noite nos brazos da súa amada.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...