sábado, 17 de xullo de 2021

Morto en fucsia

Para estes últimos días que tiven que pasar na segunda convocatoria da ABAU, deume tempo a comezar un segundo libro. Non me deu tempo a rematalo, pero xa levaba máis da metade durante os exames, e tampouco era moi longo, así que rematalo foi pouco esforzo.

Neste caso lin "Morto en fucsia", de Elena Veiga Rilo, que foi a gañadora da VI Edición do Premio Biblos - Pazos de Galicia. Xa teño falado en máis ocasións deste premio, ben interesante, que durante sete edicións convocou Biblos Clube de Lectores, e no que podían participar mozos e mozas galegas de menos de 25 anos. Quen gañara ía pasar un mes na Casa Grande do Bachao, na zona rural de Santiago de Compostela para ser titorizado por un escritor consagrado, que neste caso foi Fina Casalderrey. Hai poucos meses lin o gañador da V Edición, e xa só me queda a obra gañadora da VII e última. Mágoa, porque a iniciativa paréceme moi interesante e necesaria. Aínda que tamén debo dicir que dos sete gañadores só unha se dedica profesionalmente a isto, creo.

Non me gustou demasiado, resultoume bastante confusa. Trata sobre unha especie de concurso de rol convocado por unha persoa, na que acabou matando a case todos os participantes. Os protagonistas principais son unha rapaza coxa (por ter unha perna máis longa ca outra), un curmán seu que sempre quixo ser muller, unha ama de casa descontenta no seu matrimonio, un cura pederasta que se cruza no camiño dalgúns deles, etcétera. No último e brevísimo capítulo desvélase que a causante de todo foi a rapaza coxa, cousa que ata ese momento non se podía prever.

Unha das cousas máis interesantes da novela é que cada un dos catro grandes capítulos conta a historia dende a perspectiva dos catro personaxes principais, que son os que mencionei no parágrafo anterior. É unha técnica que se ten utilizado xa moitas veces en literatura e cine, e que normalmente resulta moi ben, e neste caso tampouco está mal. Pero aínda así a historia non me enganchou demasiado, así que o resultado non foi suficientemente agradable.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...