sábado, 17 de xullo de 2021

Impacto súbito

Onte pola noite botaban unha das películas da saga do personaxe de Harry Callahan, o resolutivo e pouco ortodoxo policía de San Francisco interpretado por Clint Eastwood. Nunca vira ningunha completa, só fragmentos, e tiña ganas de completar algunha para comprobar que tal estaban. Esta foi dirixida por el mesmo en 1983 (as primeiras da saga creo que eran de Don Siegel) e o principal protagonismo e de Sondra Locke, que por aquel momento era a súa esposa. Por unha vez, o título non ten nada raro, agás que tampouco entendo por que lle puxeron ese orixinalmente, porque basicamente trata dunha muller que vai matando a xente a disparos por unha venganza.

Pois iso, unha muller que 10 anos antes foi violada xunto coa súa irmá, que está nun hospital case en coma dende aquela, comeza a vingarse de todas as persoas que partiparon naquela violación en grupo. Harry Callahan, como sempre, debido ás súas rudas formas, é apartado temporalmente do seu traballo en San Francisco, e encárganlle algo que non semella ter moita chicha, que é a primeira das mortes provocadas por esa muller. Ponse a investigar e comeza a haber máis mortes seguindo o mesmo perfil que as anteriores, cousa que todo o mundo achaca á sua presenza, como non podía ser doutro xeito.

A historia acaba "ben" tendo en conta que tanto o personaxe de Harry Callahan como o da muller asasina non cren na xustiza convencional e prefiren resolver os problemas de forma máis expeditiva. O policía incluso acaba colaborando na última escena para exculpar á muller asasina, pola que parece que comeza a sentir certa atracción (non sei se o feito de que foran matrimonio influíu neste último xiro do guión).

Nada, o que xa supoñía. Este personaxe ten fama de moi duro, e non decepcionou nese aspecto. Pero a película nin a saga non creo que acheguen demasiado á historia do cine. Chámame a atención que durante varias décadas Clint Eastwood estivo encasillado neste tipo de papeis e historias, e nas últimas décadas, como director principalmente, fixo películas con moita máis sensibilidade, como "Mystic River", "As pontes de Madison", "Million dollar baby" ou "Gran Torino". Pareceume ler que nos últimos tempos, supoño que por esa razón, perdeu algo de prestixio en Estados Unidos e ganouno en Europa. Pero vaia, xa pasa dos 90 anos, e tampouco creo que lle queda moito carburante xa.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...