xoves, 24 de decembro de 2020

Ricardo Carballo Calero, Día das Letras Galegas 2020

Neste estraño ano de 2020 se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Ricardo Carballo Calero. Despois de moitos anos intentándoo moitas asociacións de base, conseguiuse, non sen certa sorna, porque ao final, resulta que todos os integrantes da Real Academia Galega querían dedicarlle ao día, cando en anos anteriores o enfrontamento por ese tema era total.
Por se non chegara con iso, chegamos ao ano en cuestión e aparece unha pandemia dun nivel que non víramos nos últimos 100 anos, o cal condicionou toda a nosa vida. E tamén a da Academia, cuxo propósito básico nesta actividade, non o debemos esquecer, é facer o seu acto institucional no día sinalado e na vila ou cidade natal da persoa homenaxeada, cos seus discursos impostados que, seguramente, non lle interesan case a ninguén máis que a eles.
E para iso tamén houbo lío. Como o autor homenaxeado naceu en Ferrol, que xunto con Lugo e Santiago foi unha das cidades ás que estivo máis unido, o acto do 17 de maio ía ser alí. Pero chegou a pandemia, e na primavera non estabamos para actos destes. Pospúxose todo para finais de outubro, cando supostamente xa íamos estar algo máis preparados para celebrar un acto coma este. Pero chegou ese momento, e xusto un par de días antes a Xunta decretou confinamento perimetral das principais cidades galegas, e houbo que pospoñer de novo o acto. Finalmente fíxose a mediados de decembro, e na Universidade de Santiago (onde el fora profesor, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega), co enfado da corporación ferrolá, que se negou a desprazarse ata Compostela.
Por se non chegara todo o anterior, claro, todas as entidades de base que solicitaran durante tanto tempo dedicarlle esta homenaxe, levaban tempo pedindo que se prolongase tamén ata o 2021, no que supostamente iremos superando a pandemia algo mellor, para que se puidera celebrar noutras instancias da sociedade. Pero claro, todo iso á Academia deulle igual, e xa decretou que o 2021 será homenaxeada a poeta Xela Arias (isto acaba de saberse hai un par de días). Unha vella reivindicación de moita xente, sobre todo colectivos feministas.
Neste ano 2020 lin un suplemento especial sobre Carballo Calero que publicou Nós Diario en maio. E tamén lin outro suplemento e un pequeno libriño que publicou A Voz de Galicia en outubro.
Polo que me pareceu entender, os primeiros anos de vida xiraron en torno a Ferrol, onde pretendía asentarse, pero a Guerra Civil fíxolle alonxarse da súa terra, e acabou na cadea en Jaén. Tiña condena de 12 anos, pero só cumpriu 2, porque os golpistas non sabían como alimentar a toda a xente que meteron na cadea.
Foi malvivindo e no ano 1950 ofrecéronlle o posto de director (aínda que oficialmente non constaba así, porque seguía sendo mal visto polo réxime) do Colexio Fingoi en Lugo, bastante vangardista para a época no seu estilo educativo. E en 1965 foi dar clase á Universidade de Santiago. Se non me engana a memoria, en 1962, e durante os últimos 8 anos da súa carreira en activo, foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega. Morreu en 1990, cando tiña case 80 anos.
Déixovos un vídeo dun famoso programa da TVG dos anos 80 no que confrontaba Carballo Calero defendendo o reintegracionismo con Constantino García, asturiano que defendía o galego normativo.
Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...