xoves, 24 de decembro de 2020

Os sete magníficos

Eu supoño que vin esta película clásica de 1960 algunha vez completa no pasado, pero cruzóuseme no camiño e apeteceume vela de novo, por se acaso. O director foi John Sturges e está baseada en "Os 7 samurais", e mira ti por onde, esta non a vin nunca, a ver se algún día é factible.

A historia é bastante simple. 7 homes mercenarios do salvaxe oeste americano (ou sexa, estadounidense) únense para axudar a uns granxeiros mexicanos que son roubados sistematicamente por outro pistoleiro mexicano chamado Caldera. A cousa non dá moito máis de si.

Os actores que interpretan aos "bos" pistoleiros que axudan aos granxeiros son Yul Brinner, Steve McQueen, James Coburn, Charles Bronson, Robert Vaughn, Horst Bucholtz e Brad Dexter. O malísimo Caldera é interpretado por Eli Wallach.

Pois iso. Tres dos granxeiros cruzan a fronteira e achéganse ao primeiro pobo, a ver se poden mercar armas ou contratar a algún pistoleiro que lles axude a liberarse do xugo de Caldera. Ven unhas estrañas e simpáticas escenas nas que algúns dos seus futuros salvadores resolven un conflito social e racial a tiros, e deciden falar con eles, para ver se poden axudarlles. Con máis ou menos dificultades, conseguen que 7 pistoleiros (cifra máxica) se ofrezan a axudarlles, aínda que o salario non é moi alto, que digamos.

Chegan ao lugar, teñen un enfrontamento con Caldera e os seus homes, e saen vencedores. Pero non están tranquilos, porque saben que volverán, e con moitos máis medios. Pero non fai falla, confíanse un pouco, saen unha noite para espiar aos outros, e ao mesmo tempo, os outros toman o pobo e espéranos a que volvan. Os homes de Caldera perdóanlles a vida e lévanos ata a fronteira, pero o seu orgullo está ferido, e deciden volver. Conseguen acabar cos outros, pero só sobreviven 3 dos 7, que despois seguen coa súa vida.

A verdade é que non me soaba nada ese final, pero se a vin completa, seguro que foi hai moito tempo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...