xoves, 3 de decembro de 2020

A librería



Sigo consumindo bastante cine nestes tempos estraños. De "A librería" oín falar en varias ocasións nos últimos tempos. Por unha banda, da novela de Penélope Fitzgerald oíra falar, pero tampouco demasiado ben. Nalgún caso botábaselle en cara que a novela era algo aburrida e que apenas pasaba nada. E soábame que Isabel Coixet fixera unha versión cinematográfica. E como amante dos libros, deille unha oportunidade. Unha noite proxectábana na 2 con coloquio posterior entre a presentadora, Cayetana Guillén Cuervo, e a propia directora.

E si, a película trata algo de libros, pero dende o meu punto de vista, a trama principal da película é a da loita contra os "caciques" locais, neste caso a aristocracia nun pequeno pobo inglés nos anos 50. Resulta doado poñerse do lado da muller que, con toda a súa boa fe, decide montar unha librería nesa vila, e atopa a oposición da señora que pretende dominar a vida de todos os seus habitantes, simplemente polo placer de facelo.

A historia non é moito máis ca iso, obviamente coas súas ramificacións e personaxes secundarios máis ou menos interesantes. Debedes saber, se non vistes a película, é que os mandóns da vila consideran que o vello caserón no que a muller decide montar a librería non é lugar axeitado para iso, calquera sabe por que. E por esa razón, moven todos os fíos para intentar impedilo. E como non o conseguen, con todo o seu poder e cartos, deciden montar unha librería moito mellor pouco tempo despois, que obviamente arrasa co certo éxito que estaba colleitando esta. Debido a iso, a muller decide pechar a librería e marchar do pobo, triste final pero bastante realista (con sorpresa final que non desvelarei).

Un dos personaxes máis interesantes da película é un señor maior que vive nun caserón, que case non fai vida social e non se relaciona con ninguén, pero que é considerado na vila como un señor de prestixio. Ponse en contacto coa libreira, pedíndolle que lle mande todas as novidades literarias que ela considere. Algún tempo despois invítaa a tomar o té á súa casa, toda a vila acaba enterándose e sorpréndese moito, dándolle moito prestixio á librería.

Hai un par de referencias literarias que poderían ser contemporáneas da historia, pero que polo visto, non coinciden coa novela na que está baseada. En primeiro lugar, ese señor misántropo namórase da obra de Ray Bradbury, autor a quen coñeceu grazas á libreira. E por outra banda, o grande éxito da librería é a venta en masa de "Lolita", de Vladimir Nabokov. Ese escándalo provoca que a aristócrata decida abrir a outra librería para liquidar esta, e acaba conseguíndoo.

Saúdos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...