sábado, 18 de maio de 2024

Día das Letras Galegas 2024: Luisa Villalta

Este ano dedícanlle o Día das Letras Galegas á escritora coruñesa Luisa Villalta. Nos últimos días chegáronme uns cantos documentos escritos dedicados completamente a ela, basicamente de Nós Diario e da Voz de Galicia, como todos os anos.

Comecei por un suplemento de 24 páxinas que viña coa Voz de Galicia. A continuación fixen o mesmo cun de 48 páxinas que publicou Nós Diario. Hai que ter en conta que unha parte nada despreciable deses suplementos traen publicidade institucional da Xunta, Deputacións e moitos concellos, ademais dalgunhas empresas privadas. Así que, das posibles 72 páxinas, facilmente puido quedar en 50 páxinas para ler, como moito.

E rematei co típico libriño sobre a autora que publica todos os anos a Voz de Galicia, que sempre lle encargan a algunha das xornalistas de plantilla, e esta vez tocoulle a Sara Pérez Peral, que traía algunhas entrevistas a amigas da autora e algúns textos máis, sobre todo publicados na Voz de Galicia.

E completei todo isto, nun intervalo de horas bastante breve, coa webserie "A rebelión da palabra" que publicou a Real Academia Galega en Youtube. Son 6 capítulos (abaixo póñovos o primeiro), cada un deles dura entre 15 e 20 minutos, así que en total son cerca de 2 horas, moi interesantes para coñecer ao personaxe.

Foi unha escritora polifacética, que escribiu ensaio, teatro, narrativa (relatos e novelas) e tamén ensaio, incluso fixo algunhas traducións. Apenas coñezo nada da súa obra. Estou lendo fragmentos da súa poesía estes días, pero non me está transmitindo nada especial. Os especialistas din que a súa obra non é de comprensión sinxela. Vin representada hai anos unha das súas obras, "O paseo das esfinxes", pero tampouco me dixo nada especial. Como o que máis me gusta é a narrativa, a ver se podo ler algunha das súas obras desa índole, a ver que me din.

Non lembro que eu tivera trato directo persoal, pero si lembro que a coñecín ao final da súa breve vida na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Era socia da nosa entidade, e coincidín con ela en bastantes actos, supoño que algunha vez estaríamos falando xuntos nalgún grupiño. A súa morte foi traumática, de xeito fulminante por unha meninxite, case dun día para outro, despois de dar clase no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, onde levaba moitos anos de profesora. Eu xuraría que uns días antes estivo nun recital de poesía organizado pola nosa asociación, e que aquela foi a última vez que a vin, pero tampouco podo aseguralo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...