domingo, 22 de outubro de 2023

O corno

Non é demasiado habitual que eu vaia ao cine comercial ver unha película, pero moito menos habitual é que unha película netamente galega e dirixida por unha muller gane o Premio do Festival de San Sebastián e que a boten nos cines comerciais á semana seguinte. Así que fomos testemuñas desa coincidencia.

"O corno" foi presentada en 2023 pola directora Jaione Camborda (vasca que leva 15 anos vivindo en Galicia, e que xa traballa en galego). O papel principal foi para Janet Novás (bailarina, nunca actuara pero faino moi ben), rodeada dun elenco de secundarias notable, entre as que eu só coñecía a María Lado e Diego Anido. É unha coprodución entre España, Portugal e Bélxica, e está ambientada nas dúas beiras da "raia" con Portugal. Por certo, o título fai referencia ao corno do centeo, que ten moitas aplicacións pero case todas algo arriscadas ou controvertidas.

María é unha mariscadora na Illa de Arousa a comezos dos anos 70. Tamén é coñecida como parteira e axuda a moitas mulleres a dar a luz, e se a cousa vai mal, tamén axuda a abortar. Unha rapaza nova amiga súa vese nun problema deses, bótalle unha man e ao día seguinte aparece morta. Danlle o aviso de que debe fuxir porque a Guardia Civil está facendo investigacións e van chegar a ela. Recoméndanlle que marche á raia con Portugal, onde unha veciña ten unha familiar que axuda a pasar ao outro lado.

Efectivamente vai para alí, e vai intentando subsistir como pode, coa axuda dalgunha muller portuguesa á que coñeceu no paso do río Miño. Alí decátase de que está embarazada, porque tivo un encontro cun mago que actuaba nas festas da súa vila, un dos últimos días que estivo na Illa. Intenta provocar o aborto pero non debeu ter éxito porque a película remata coa escena na que se lle ve dando a luz.

Película moi sensible, con escenas moi emotivas, ritmo moi lento, resultoume un pouco aburrida por momentos por esa razón, pero tamén entendo que a moita xente lle guste así: unha historia así hai que contala a ese ritmo, non a outro máis rápido. Alguén dixo que estaba claro que a directora era unha muller porque a un home nunca se lle ocorrería rodar os varios partos que hai na película dese xeito, e seguramente sexa certo; dende logo, eu nunca vin imaxes coma esas. Tamén fálase moito da sororidade, a solidariedade entre mulleres, que é un elemento destacado do film. En definitiva, é unha película cunha perspectiva feminina moi marcada, e seguramente iso incomodará a algunhas persoas, sobre todo homes obviamente, que non están/estamos nada afeitos a este tipo de narrativas visuais.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...