xoves, 1 de xuño de 2023

Badaladas a medianoite

Despois de moito tempo sen facelo, volvín ver unha película de cine clásico no canal fascistoide Trece, no espazo dirixido por José Luis Garci e que, como xa dixemos aquí algunha vez, fai exactamente o mesmo que facía hai 20-30 anos na 2 en "Que grande es el cine". Nesta ocasión era "Badaladas a medianoite", unha estraña película que foi un dos empeños persoais de Orson Welles. Welles e Shakespeare semellan unha boa combinación, así que había que probar.

Foi dirixida en 1965 por Orson Welles. Foi unha produción hispanosuíza que se rodou en España e os papeis principais foron para Orson Welles, Keith Baxter, John Gielgud, Jeanne Moreau, Margaret Rutherford, Norman Rodway e Fernando Rey. O guión está baseado en varias obras de Shakespeare nas que aparece o omnipresente personaxe de John Falstaff: "Enrique IV", "Ricardo II", "Enrique V" e "As alegres comadres de Windsor". Por todo o que dicíamos, o produto final debería ser apabullante, pero a min deixoume algo frío.

O rei Enrique IV sucedeu a Ricardo II, ao que matou. O que se cre verdadeiro herdeiro de Ricardo II (típico problema da monarquía), está preso en Gales, así que os seus principais aliados comezan a conspirar para intentar nomealo rei.

Hal, o fillo maior de Enrique IV e príncipe de Gales, non presta maior atención ao seu cargo e está continuamente de xolda en tabernas e con prostitutas e ten como principal amigo a John Falstaff, un vividor que se aproveita desa amizade.

Despois de diferentes batallas, a saúde de Enrique IV comeza a deteriorarse e Hal comeza a dar pequenos indicios de que podería recuperar o seu interese polo labor monárquico. Finalmente morre o rei e chega a quenda de Hal, quen esquece a antiga amizade con Falstaff, que xa tiña previsto medrar á súa costa, e convértese nun rei responsable e cabal.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...