domingo, 14 de maio de 2023

Picasso: branco no recordo azul

Como xa saberedes moitos de vós, porque se está comentando bastante, este ano cúmprense 50 anos da morte de Picasso. A Coruña foi unha das cidades onde viviu (xunto con Málaga, Barcelona, París e supoño que algunha máis de Francia). Só o fixo durante 4 anos, dende os 10 ata os 14, aproveitando que o seu pai era profesor na Escola de Belas Artes da cidade, e que el era alumno da mesma. Pero algunha xente di que eses anos foron esenciais, xa que foi cando decidiu que quería dedicarse á pintura, e que aquí perfeccionou a súa técnica de debuxo, que xa era moi depurada.

Si, pola cidade e nalgúns dos xornais da cidade (sobre todo aquel máis veterano) hai pegadas do paso de Picasso pola Coruña. Parece que xa fixo ou deixou aquí algunha mostra de que podía ter moito talento. Pero levouse todo con el, e hai fotos nas que se lle ve pintando algúns dos famosos cadros posteriores, e na parede ou nalgún moble vense algunhas das obras menores que pintou aquí. Polo tanto, parece que as levou sempre consigo, conservounas e as tiña en boa estima.

No Museo de Belas Artes pode verse ata finais de xuño a exposición "Picasso: branco no recordo azul", que intenta recrear como foi aquela época da súa vida, e que pegada deixou na súa obra posterior o seu paso pola cidade. Está dividida en dez seccións que abordan diferentes aspectos desta perspectiva. Por exemplo, unha das que me sorprendeu foi a sección que fala da súa faceta de escritor, que eu descoñecía por completo. O título da exposición está tomado dun verso dun dos seus poemas. Poemas que, por certo, non me pareceron moi inspirados, pero como eu non conecto moi ben con ese arte, se cadra si teñen moito valor.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...