domingo, 26 de marzo de 2023

Maior Dundee

Creo que en moitos canais españois da TDT botan esta película con certa frecuencia. Por esa razón e porque tiña certa boa fama, tiña ganas de vela e hai pouco apareceu a oportunidade. Máis ou menos vese pero destacan moitos clichés estadounidenses, aparte do feito do salvaxismo de Sam Peckimpah e como lle afectaba o alcoholismo á hora de rodar.

Foi dirixida en 1965 por Sam Peckimpah e os principais papeis foron para Charlton Heston, Richard Harris (magnífico actor irlandés que na miña opinión se come a Heston con patacas), James Coburn e Jim Hutton, nun elenco moi amplo. Polo visto, houbo moitos problemas de produción, pero iso era relativamente habitual cando nas películas se cruzaban determinadas persoas, como este director.

Un apache chamado Sierra Charriba está atacando os fortes da fronteira con México e na última incursión incluso secuestra a tres dos nenos. O Maior Dundee quere formar un grupo para perseguir aos apaches, pero non o ten nada doado. Entre outras cousas, porque o forte no que está, medio perdido, é tamén en parte unha prisión para soldados sureños porque aínda está tendo lugar a guerra civil.

Consegue formar un pelotón totalmente destartalado con soldados do Norte, soldados do Sur, negros que son totalmente desprezados polos soldados do Sur, algúns indios que colaboran con eles pero dos que non se fían demasiado. Ou sexa, todo un caos. Ademais, os apaches métense en México onde hai tropas francesas, así que a historia aínda se lía máis.

Saen detrás dos apaches, e despois da primeira escaramuza, e case sen facer esforzo, recuperan aos tres nenos secuestrados. Aínda que xa está conseguinda a principal recompensa que os movía, pero a pesar de todo, seguen detras dos apaches. Os sureños, dirixidos por un capitán totalmente respectado e moi leal con Dundee, son bastante liantes e teñen problemas con todo o mundo, pero van colaborando.

En definitiva, acaban entrando en México, teñen enfrontamentos cos franceses, tamén cos apaches e acaban matando a Sierra. Unha vez feito iso, volven cruzar o río para entrar de novo no territorio dos Estados Unidos, con todos os obxectivos bélicos conseguidos, como sempre.

Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...