luns, 11 de outubro de 2021

No calor da noite

Cando Sidney Poitier era protagonista dunha película estadounidense nos anos 60, había conflito racial asegurado na mesma. E se ademais a historia está ambientada nalgún dos racistas estados do sur, xa non digamos.

Esta película de 1967 foi dirixida por Norman Jewison (sempre o lembrarei por "Xesucristo Superstar") e os principais protagonistas foron Sidney Poitier, Rod Steiger e Warren Oates. Levou 5 Oscars, e acabo de flipar bastante, ao ver que lle deron o Oscar a mellor actor, pero a Rod Steiger, non a Sidney Poitier. Os dous o fan moi ben, pero vaia....

Nunha pequena poboación do estado de Mississipi aparece morto un rico home branco que chegara alí pouco tempo antes para montar unha nova industria. Iso sucede pola noite, e o policía que atopa o cadáver, ao ver as rúas totalmente baleiras, ponse a buscar vagabundos ou as poucas persoas que non estaban durmindo para atopar posibles sospeitosos. Cando ve a un negro esperando na sala de espera da estación de trens, cre que xa resolveu o asasinato.

Lévano á comisaría, avisan ao novo xefe, rexistran ao negro, e resulta que leva moitos cartos na carteira. Xa o teñen clarísimo. A mágoa é que, ao rexistralo, non viron que tiña unha placa que o identificaba como inspector de policía en Filadelfia, e iso explicaba que levara moitos cartos, porque o seu salario era moi alto. Estaba na estación agardando un tren que o levara a visitar á súa nai. Falan co xefe do policía negro, que incluso lles ofrece os seus servizos, xa que é o mellor policía de homicidios de Filadelfia, aínda que a ningún dos dous policías lles ilusiona nada a proposta. Deste xeito tan potente comeza a película.

A partir deste momento, o policía negro Virgil Tibbs colabora co xefe de policía branco Bill Gillespie. Nun lugar tan racista como este, o novo xefe de policía aínda non se fai respectar de todo, pero ninguén dubida do seu compromiso co supremacismo branco, nin sequera el mesmo. Cando Tibbs comeza a investigar utilizando métodos modernos que xa se usan nas grandes cidades do leste pero non nos palurdos pobos do sur, Gillespie comeza a entendelo e respectalo, pero os demais non.

Ademais do racismo latente que ameaza a Tibbs, tamén hai un magnate local que con prácticas caciquís dominaba o pobo, e que estaba ameazado polos novos proxectos que traía o industrial asasinado, así que nalgún momento pasa a ser o sospeitoso principal. Noutro momento tamén o é o propio policía que arrestou a Tibbs nun primeiro momento, por un turbio movemento de cartos na súa conta corrente. Pero ao final o culpable non ten nada que ver con iso, era unha historia colateral que non se desvela ata o final.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...