venres, 30 de xullo de 2021

Historia de Galicia

Non hai moitos días lía unha "Historia Xeral da Literatura Galega" editada por A Nosa Terra. E lembraba que hai anos tamén lera unha "Historia Xeral de Galicia" nunha primorosa edición desa mesma empresa. Tristemente, creo que foron os dous únicos libros desa colección de historias xerais. Pero a carón do primeiro deses libros atopábase outra "Historia de Galicia" editada por Xerais e escrita polo eminente historiador (especialista en Historia medieval) Anselmo López Carreira, que tamén participara no outro libro de historia antes mencionado (eran 4 ou 5 autores diferentes).

Pois acabo de devoralo en poucos días, e sen facer un grande esforzo. Certo é que non é unha super-enciclopedia moi profunda. O autor e a editorial decidiron facer un volume máis liviano e meteron a historia de Galicia en algo menos de 300 páxinas, así que se fixo moi doado de levar. E máis coa magnífica redacción e estruturación de contidos.

Houbo algunhas cousas que me chamaron a atención, como o de dedicar varias páxinas (tendo en conta que o libro xa non era moi extenso) a poñer fragmentos da obra de San Martiño de Dumio (século VI, na época do reino suevo). Está claro que desa época hai moi poucos documentos, e a obra dese autor si está moi ben conservada, pero penso que tampouco era preciso estenderse tanto nese tema.

Tamén me chamou a atención que nas últimas páxinas, cando se fala de Transición en Galicia, e se menciona o case único e breve goberno da Xunta que non foi de signo conservador e no que había nacionalistas, non menciona que un par de anos antes houbera un movemento social de forte oposición a Fraga que podería, se cadra, explicar en parte a efémera derrota electoral do PP. Foi Nunca Máis, como resposta á nefasta xestión do catástrofe realizada polos gobernos conservadores de Compostela e Madrid.

Pero vaia, que son dous pequenos detalles, que a outra xente non lle chamarían a atención. Está claro que cando intentas meter varios miles de anos de historia dun territorio pequeno como este nun libro de 300 páxinas, cada un o faría ao seu xeito. Pero é mellor que ese labor a faga Anselmo, que é experto nese tema e xa o demostrou sobradamente moitas veces, e esta vez tamén, claro.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...