venres, 4 de decembro de 2020

Ter e non ter

Esta película non a vin na televisión, senón que está nunha colección de cine clásica que me cederon hai algún tempo, e coa que me deleito de cando en vez. Foi dirixida por Howard Hawks en 1944 e a parella protagonista está formada por Humphrey Bogart e Lauren Bacall. Ela tiña 19 anos, debutaba no cine, e el era moito máis maior, pero de feito casaron ao ano seguinte. 

Polo visto, pretendían con ela facer máis ou menos o mesmo que conseguiran con "Casablanca" un par de anos antes, pero non tivo o mesmo éxito, obviamente. Digo isto porque tamén está Bogart nun paisaxe exótico, intentando pasar de todo e sen implicarse nos grandes conflitos mundiais, indo ao seu, pero ao final, por unhas cousas ou por outras, acaba enleado.

A historia é un tanto curiosa. Está ambientada na Martinica, onde Bogart é patrón dunha embarcación que vive de levar a turistas a pescar, pasear e cousas polo estilo. É o comezo da II Guerra Mundial e incluso nun lugar tan alonxado nótase, porque é colonia francesa, e ese país xa está invadido por Alemania, e alí na Martinica hai unha delegación do goberno de Vichy, colaboracionista con Alemaña.

Bogart ten unha habitación nun hotel cuxo bar e restaurante do baixo está sempre ateigado de xente, e o que leva ese hotel colabora coa resistencia francesa. Pídelle colaboración a Bogart para ir buscar unhas persoas descoñecidas a unha illa para levalas a outro lugar da zona. En principio, el rexeita, pero ao final acepta, pero sen a máis mínima intención de colaborar máis, pero xa intuiredes que o acaba facendo.

E polo medio tamén aparece Lauren Bacall, que non ten apenas cartos, e está pasando dunha illa a outra no Caribe. Acaba namorando a Bogart, a medio hotel, e colaborando tamén na trama dalgún xeito.

Algunhas curiosidades literarias sobre a película son que está baseada nunha novela de Ernest Hemingway que polo visto non era gran cousa. Parece que houbo unha aposta entre productores, directores e guionistas a que eran capaces de coller unha novela mala dun bo novelista, e poñéndolle bos guionistas, actores coñecidos e intentando tirar do éxito de "Casablanca", conseguirían facer unha gran obra. Ao mellor pasáronse un pouco de frenada, pero non lles quedou mal. Por certo, un dos guionistas foi un tal William Faulkner, non sabía eu que tamén se dedicara a isto. Aínda que a verdade é que de Faulkner sei ben pouco, ten moita fama, pero eu só lin unha obra e non me gustou nada.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...