martes, 29 de decembro de 2020

Piratas do Caribe: o cofre do home morto

Xa había tempo que tiña ganas de ver completa algunha película da saga de "Piratas do Caribe". Prefería comezar coa primeira, pero non foi posible, aínda que non descarto vela en breve prazo, porque nas cadeas españolas da TDT están proxectando diferentes películas da saga con bastante frecuencia nestes días de Nadal. Tiven que comezar coa segunda, e ese mesmo día, noutra cadea, botaban a quinta. E cónstame que botaron a primeira hai pouco en varias cadeas diferentes. Así que, co índice de repetición de contidos que teñen as cadeas de televisión, creo que non tardarei en vela. Por certo, esta ansia vén de que tiñan pinta de ser películas amenas e divertidas, e despois de ver unha completa, confirmei esa opinión. Esta segunda é do ano 2006, dirixida por Gore Verbinski (creo que o fixo coas tres primeiras), co mesmo produtor e actores de todas, supoño, polo menos os principais.

A trama é un pequeno lío, pero entendo que non é o principal deste tipo de películas. Neste caso, todo xira en que Will e Elisabeth queren casarse, e non foi posible, e mentres, Jack Sparrow ten un problema gordo, porque ten unha débeda pendente con Davy Jones, o xefe dun barco fantasma, chamado o "Holandés Errante" (existe unha famosa lenda mariñeira sobre este tema), que quere levar a Jack e ao seu barco ao fondo do mar. Ou sexa, a típica épica de piratas (os últimos videoxogos aos que xoguei, hai décadas, de "Monkey Island", tamén trataban disto).

Pois nada, pasouse un bo rato, nalgún momento con risas. Hai un momento, na parte inicial da película, na que Jack Sparrow, por unha banda, e o resto da tripulación, pola outra, teñen que liberarse dunha tribo de caníbales en diferentes circunstancias, e a forma de facelo é moi chisposa. Hai que recoñecer que os guionistas foron moi imaxinativos, case circenses.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...