luns, 28 de decembro de 2020

Noé

Neste Nadal frío e chuvioso no que ademais non recomendan andar moito por aí fóra (non vaia ser), estoume animando a ver moitas películas na televisión que noutros momentos seguramente deixaría pasar. Seguramente iso lle pasaría a "Noé", a película dirixida en 2014 polo interesante Darren Aronofsky, e protagonizada nos seus principais papeis por Russell Crowe e Jennifer Connelly (vaia, non é a primeira vez que fan parella no cine).

Antes de ver a película, pensaba eu se esta historia daba para tanto, pero si, o director e os guionistas conseguiron darlle forma e volume. E sobre todo, botáronlle tamén moita imaxinación. Polo visto, foi moi criticado por algúns grupos relixiosos que, como era previsble, non aceptaron que se cambiara nada da historia. Porque creo que en bastantes puntos foi máis ou menos fiel, pero noutros innovou bastante.

O que máis me chamou a atención foron os personaxes dos Vixilantes, uns seres de pedra (véndoos actuar, lembraban algo aos Transformers e ese tipo de cousas) que polo visto eran antigos seres de luz caídos, que foran culpados de que Adán e Eva foran expulsados do Edén. E agora, en vez de seres de luz, eran pesados seres de pedra. Pero cando chegou o momento de comezar a construción da gran Arca, botaron unha boa man no proceso, unha vez convencidos de que Noé tiña bos propósitos.

Polo visto, o director tiña ganas de rodar esta historia, porque era unha das que máis lle perturbaba das antigas escrituras, e el, que ten orixes xudías, quería abordar esta temática, pero con máis crudeza da habitual. Iso seguro que non lles gustou aos ultracatólicos. Se a iso lle unimos que este director semella ter unha visión bastante pouco convencional da vida, dá un resultado ben curioso, claro.

Con respecto ao resto do elenco, recoñecín a Emma Watson e a Anthony Hopkins, que fai o papel dun curioso Matusalem, que vive nunha fermosa montaña e ten certo protagonismo na historia. O resto son actores novos, ou veteranos aos que non coñecía previamente.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...